Deportes
Aneiros recuerda que el plazo para solicitar las ayudas para el desarrollo de actividades de entidades deportivas finaliza el 2 de marzo
Ferrol, 11 de febreiro de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá as instalacións do Polideportivo Javier Gómez Noya en Ferrol, onde se desenvolvía o adestramento dos nenos de infantil e cadete do Club de Baloncesto Costa Ártabra. Aneiros lembrou que o prazo para solicitar as axudas da Xunta a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE) de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas finaliza o próximo 2 de marzo.
Durante a visita a esta entidade na que estivo acompañada do seu presidente, Miguel Niebla e o concelleiro de Deportes, Ricardo Aldrey, Aneiros destacou os 2 M€ de orzamento que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destina este ano á convocatoria dirixida a entidades como o Club Costa Ártabra, inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia (RED). Recalcou que para poder acceder ás mesmas é preciso non ter sido sancionada pola federación no ano anterior á convocatoria por condutas violentas, racistas, xenófobas ou intolerantes provocadas polas persoas asistentes, así como non discriminar por razón de xénero nos premios ou recoñecementos que se outorguen, entre outros requisitos.
Aneiros apuntou ademais que os clubs solicitantes deberán estar inscritos na aplicación Actfis-Galicia Activa que sustenta o RED e será requisito tamén ter aprobado o Protocolo de Protección dos Nenos, Nenas e Adolescentes fronte á Violencia no Deporte e designada a persoa delegada de Protección.
Os gastos subvencionables serán os derivados da súa participación en competicións do ano 2025, incluíndo licenzas, seguros deportivos, inscricións en competicións, arbitraxes, adestradores/as, desprazamentos, manutención e aloxamento, material deportivo non inventariable, produtos de farmacia, aluguer de instalacións, persoal e servizos de profesionais de apoio ao rendemento.
Criterios de valoración
En canto aos criterios de valoración que determinan o importe da subvención, figuran a relevancia da actuación deportiva da entidade, o número de deportistas e adestradores federados, a participación nas principais competicións internacionais, o número de deportistas internacionais ou a participación en fases de ascenso.
Tamén hai un conxunto de criterios puntuables non deportivos entre os que destaca as actuacións en prol da igualdade efectiva de homes e mulleres no deporte ou contra a violencia machista. Este ano prímase novamente nos criterios de valoración o deporte feminino, de xeito que as licenzas femininas duplican o seu valor na puntuación respecto ás masculinas.
A anterior convocatoria destas axudas beneficiou a máis de 1.400 entidades deportivas de Galicia, das que máis de noventa corresponden ás comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, que recibiron preto de 115.000 euros.
A representante da Xunta incidiu na necesidade de seguir fomentando a práctica deportiva e destacou o traballo realizado polo Club de Baloncesto Costa Ártabra que conta actualmente con máis de 300 licenzas federativas.



